Saturday 27 de April de 2024

Paderne reivindicará a igualdade feminista cunha andaina popular e unha representación teatral para a cativada


 O Concello propón para o venres 8 unha xuntanza para ler o manifesto, camiñar ata Velouzás e rematar cunha fraternal cholocatada

 Dous días antes, o mércores 6, a Casa Consistorial acollerá aos alumnos das Escolas Unitarias para ofrecerlles unha xornada de convivencia con teatro, xogos e merenda saudable

O Concello de Paderne xa ten lista a súa programación para o Día Internacional da Muller, que se celebrará, como cada ano, o 8 de marzo. O equipo de goberno quixo diversificar os actos para reivindicar a igualdade feminista e real na sociedade con iniciativas non só para os adultos, senón tamén para a cativada. Precisamente por iso, preparou dous días de eventos que comezarán o mércores 6 e rematarán o propio 8M.

O venres, a partires das 18:30 horas, o Concello convida á veciñanza a unha concentración na contorna da Casa Consistorial para proceder á lectura do manifesto feminista. A maiores deste acto simbólico, de xeito posterior arrincará unha andaina popular de preto de tres quilómetros que rematará cunha xuntanza con chocolatada no Bar O Vimieiro. As persoas participantes deben acudir con roupa reflectante debido a que a marcha celebrarase xa con pouca luz natural. Para calcular o número de racións, tamén será imprescindible anotarse previamente á andaina chamando ás oficinas municipais. O prazo remata o vindeiro mércores, 6 de marzo.

Precisamente ese día 6, o equipo de goberno recibirá na Casa Consistorial á cativada das Escolas Unitarias. Coincidindo unha das xuntanzas que os dous centros educativos xa tiñan programada, o Concello de Paderne ofrecerá aos pequenos e pequenas unha pequena obra de teatro: ‘Unha nena namorada do mar’. Interpretada por O Sol de Outono Teatro, trátase dunha peza chea de tenrura e comicidade, que combina teatro, danza, monicreques e música en directo. A representación fala dos soños e da vontade de chegar a ser o que a alma propia expresa e, por suposto, está adaptada para as idades do alumnado.

Aproveitando a visita, o Concello ofrecerá á cativada unha merenda saudable e, se o tempo o permite, lle convidará a estrear as renovadas instalacións do parque infantil situado no exterior do Consistorio.
Máis eventos o día 6
O mércores 6 a actividade extraordinaria no edificio municipal non rematará pola mañá. En horario vespertino, a Casa do Concello abrirá de novo as súas portas para acoller dous obradoiros financiados polas arcas da institución local e para as que non será preciso anotarse con anterioridade. Ás 17:00 horas comezará o obradoiro teórico-práctico da poda de kiwis.
Ás 20:00 comezará o taller da construción de trampas para a captura da avespa velutina. Será unha sesión para analizar os resultados das trampas construídas na sesión de hai unha semana, pero tamén poderán acudir persoas que non participaran nese primeiro obradoiro, xa que se fará un repaso do desenvolvido nel.